
Este venres deron comezo os actos de celebración do 75 aniversario do Colexio Ferroviario, celebración dunha grande importancia na nosa cidade, por canto falamos dunha institución fortemente ligada a súa historia, tanto coma o esta ó seu presente. O colexio Ferroviario partiu da iniciativa de Ferroviarios Monfortinos, que solicitaron a creación dun colexio no Barrio da Estación de Monforte á Asociación de Ferrroviarios, que naqueles tempos era un poderoso ente en alza a crear numerosos colexios en todo o pais; xa entrados nos anos oitenta, a Asociación desligouse destes colexios, o cal provocou a incertidume dos destinos do noso Ferroviario; a determinación de nove profesores, formando unha cooperativa e comprando o Colexio, e a axuda e xestiones do, á sazón, presidente zonal da Asociación, D. José Díaz Otero, garantiron a súa pervivencia.
As celebración deron comezo cun concerto de rock a cargo de músicos Monfortinos, para, xa ó Sábado, comezar cunha conferencia de Doña Margarita Otero, cronista oficial de Monforte, que partindo da historia do colexio, quixo facer unha breve estampa da historia do Barrio da Estación.
Non é de menos que alabar o escenario escollido, nada menos que a sede da "Fraternal", asociación tan entrañable e estreitamente ligada ó barrio, ó propio colexio e a historia do Ferrocarril na vida da cidade; a conferencia, ainda que breve, resultou xugosa e de un enorme interés, por canto non e moito o escrito acerca da moderna historia da cidade. Moitos ficaron sorprendidos da existencia de "Cafés Cantantes", no barrio da estación, coma "O Arxentino", ou "O Tropezón", e do orixe do nome da "Calle das Vacas", que se remonta á existencia dun tren de transporte e descarga de Ganado nos anos 30.

A conferencia deu paso a unha actuación da
Coral de Renfe, que fixo disfrutar ós asistentes dun repertorio tan variado como exquisitamente escollido e admirablemente interpretado; a continuación, chegou a actuación da rondalla "
Benfeita", composta por interpretes Monfortinos de longa traxectoria en rondallas e agrupacións musicais, entre os que se encontra o
coñecido músico e Luthier "O Crego", do que hai que salientar que mantén actualmente aberta á súa exposición de instrumentos na
Rúa Cerca; a actuación moveu á ledicia e participación do público, que deu en tocar as palmas cando a rondalla interpretou o "
Pasacalles".
Unha vez finalizada a actuación da rondalla, o público dirixiuse cara ó colexio, para presenciar a demostración de danza galega dos alumnos; seguidamente, pasouse ó polideportivo para a comida, consistente en pulpo e carne asada. Os vellos alumnos disfrutaron coma nunca encontrándose, charlando e visitando as aulas, e nin a persistente calor puido arruina-la diversión. A comida deu remate cunhas verbas do director e un conmovedor recordo a profesores que xa non están entre nos, e que eran tan queridos polos vellos alumnos agora trintaneiros, coma Mr. Bryan ou Dona Ramonita, sen perder a ocasión para homenaxear ós profesores xa xubilados e con tanta representatividade no Colexio coma Don Xosé Mourelle, Don Pedro ou Don Antonio, os cales recibiron unha espontánea e calurosa ovación por parte do antigo alumnado.